O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo é un dos oito Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), acreditados pola Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia en xaneiro de 2020, e cofinanciado pola Xunta e a UE a través dos fondos FEDER. No ano 2016, o CIM recibiu o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia de 2016-2019, sendo o único centro mariño en Galicia con este recoñecemento. Esta distinción convérteo no elemento central da estratexia mariña do SUG, potenciando a súa capacidade para contribuír ao avance das ciencias e da educación oceánicas cunha parte sustancial do investimento autonómico en investigación. Desta forma, e tras unha longa andadura, o CIM logrou situarse como referente na xeración, transferencia e divulgación do coñecemento sobre o ecosistema mariño e costeiro e no desenvolvemento dun coñecemento azul sostible.