O CINBIO celebra as súas xornadas de portas abertas durante a Semana da Ciencia (1 a 14 de novembro) co ciclo de actividades “Ciencia con C de CINBIO.”
A proposta deste Centro de Investigación da Universidade de Vigo (cofinanciado polo Programa Operativo FEDER-Galicia 2014-2020) consistirá na realización de diferentes actividades ao longo destes días, co obxectivo último de achegar a ciencia á sociedade e conseguir que se perciba como unha disciplina máis próxima en lugar da súa tradicional visión como un concepto afastado da poboación e pechado dentro dos laboratorios.
Así, “CINBIO na escola”, “CINBIO na rúa” e “Coñece o CINBIO” serán os tres bloques principais desta proposta, amosando un punto de inflexión con respecto as xornadas de portas abertas dos anos anteriores e volvendo á presencialidade, sempre respectando todos os protocolos de seguridade pola COVID-19.